martes, 4 de marzo de 2008

REFORMA DA LEI SOBRE OS DEREITOS E LIBERDADES DOS EMIGRANTES EN ESPAÑA

O pasado día 3 de novembro de 2003 o Senado aprobou, sen modificacións, o texto do proxecto de Lei orgánica de reforma da Lei orgánica 4/2000, de 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social remitida polo Congreso dos Deputados.
A reforma persegue, seica e de acordo coa súa exposición de motivos, favorecer a inmigración legal mediante a mellora da xestión que se pretende conseguir con: a simplificación dos trámites administrativos, o perfeccionamento do réxime xurídico das situacións dos estranxeiros en España, a determinación dos tipos de visado e os efectos destes, e a loita contra o uso fraudulento dos procedementos administrativos de xestión nesta materia.
Tamén se pretende, aparentemente con máis teimosía, o reforzamento e, en definitiva, mellora dos medios e instrumentos sancionadores para loitar contra a inmigración ilegal e o tráfico de seres humanos.
Desde a perspectiva dos descendentes dos emigrantes españois o máis interesante é a modificación do sistema do continxente que incluirá a determinación por este dun número de visados que se lles poderán conceder aos netos de emigrantes para buscar emprego durante tres meses.
Este visado especial concederase tamén en determinados sectores de actividade sen necesidade de acreditar ese especial vínculo con España.
Os visados para busca de emprego autorizarán a desprazarse ao territorio español coa finalidade de buscar traballo durante un período que será considerado como de estancia (polo que, cando menos en principio, non contará para a adquisición da nacionalidade española) de tres meses, nos que poderá inscribirse nos servizos públicos de emprego correspondentes. Se transcorrido o dito prazo no obtiver un emprego, o estranxeiro quedará obrigado a saír do territorio.
Os cambios en materia de visados pretenden simplificar a xestión administrativa eliminando trámites innecesarios. Así o visado, unha vez que o estranxeiro entrou en España, habilitarao para permanecer na situación para a que lle foi expedido. Deste modo conéctase co visado un efecto novidoso xa que ata agora, o visado, unha vez que o estranxeiro entraba en España non producía ningún efecto. Co novo modelo, o visado habilitará para permanecer en territorio nacional na situación para a que teña sido concedido.
Este cambio aparentemente positivo ten unha contrapartida, xa que desaparece a posibilidade de obter a exención de visado, aínda que algúns dos supostos de feito que a posibilitaban seguirán facéndoo por outra vía ao quedar englobados no ámbito da autorización de residencia temporal por motivos excepcionais.
Outro dos aspectos que a nova lei modifica en profundidade é o réxime da reagrupación familiar que, a partir de agora, será máis restrictivo. Para evitar as chamadas reagrupacións en cadea, esixirase como presuposto para exercer este dereito por parte dos residentes que o fosen en virtude dunha previa reagrupación, que sexan titulares dunha autorización de residencia independente. Para acceder a esta autorización esixirase unha autorización previa para traballar.
A nova lei dificultará a realización dos trámites nos consulados por medio de representantes, que ata agora era práctica habitual, ao esixir que a maior parte dos trámites se realicen de maneira persoal.
Entre as medidas máis polémicas están as relacionadas co padrón municipal, a nova lei permitiralle á policía o acceso aos datos deste e incrementará os datos e documentación que os estranxeiros deberán facilitar para se inscribir nel, deste modo, probablemente, os inmigrantes irregulares deixarán de se inscribir no padrón ante o temor de que esta inscrición poida servir para que a policía os localice e expulse, co que perderán, na práctica, a posibilidade de acceder aos servizos públicos de saúde e educativos.
Para estes fins procédese á reforma da Lei de bases de réxime local.
A reforma modifica tamén a Lei de réxime xurídico das administracións públicas coa inserción dunha nova disposición adicional que incorporará unha remisión á Lei orgánica 4/2000, para que aos procedementos regulados nesta se lles apliquen as peculiaridades procedementais que agora se introducen con carácter novidoso.
Tamén se modifica a Lei de competencia desleal para incluír como conducta desleal a contratación de estranxeiros sen autorización para traballar obtida conforme ao disposto na lexislación sobre estranxeiría.
Capítulo á parte merecen as novas obrigas que se lle impoñen aos transportistas, aos que se acaba de converter na práctica nunha especie de novos gardiáns das fronteiras.
A lei entrará en vigor ao mes da súa publicación no BOE, o 21 de novembro do 2003.
Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2003.

No hay comentarios: