martes, 4 de marzo de 2008

A EMIGRACIÓN E OS DEREITOS HUMANOS EN GALICIA

O xefe do Executivo galego, Emilio Pérez Touriño, apostou hoxe pola necesidade de crear unha estratexia común, unha política común de convivencia para a integración das persoas inmigrantes como elemento clave na consecución dunha cidadanía plural e inclusiva. Un modelo que camiñe tal e como expresou Pérez Touriño, da coexistencia cara á convivencia.
Así o manifestou o presidente galego en Santiago no acto de constitución do Consello Galego da Inmigración, un órgano colexiado de carácter consultivo da Administración Autonómica en materia de política de inmigración, no que están representados todos os axentes implicados. En palabras de Pérez Touriño, este órgano simboliza o compromiso do Goberno galego de elaborar políticas integrais e participativas no eido da inmigración.

O Consello Galego da Inmigración terá plenos poderes e nel recaerán as competencias na contribución do desenvolvemento dunha política activa e integral de inmigración. O presidente da Xunta agradeceu a presenza dos integrantes aos que lles pediu implicación e colaboración no deseño e implantación dunha política de inmigración que vertebre potentes estratexias, capaces de afondar na construción dunha convivencia respectuosa da diversidade e dos dereitos e deberes da cidadanía.

Gran pacto en política de inmigración
Na súa intervención, o presidente galego lembrou o compromiso que lle trasladou na III Conferencia de Presidentes celebrada en Madrid o pasado mes de xaneiro ao presidente do Goberno central e aos presidentes das comunidades autónomas a favor dun gran pacto en política de inmigración. Trátase, segundo lembrou Pérez Touriño, de plantexar dende o consenso, a corresponsabilidade e colaboración institucional un gran acordo social para a convivencia intercultural no que todas as administracións asuman unha estratexia compartida e dialogada.

Esta proposta reflicte, segundo o presidente autonómico, a posición do Goberno galego con respecto ás políticas de inmigración. Pérez Touriño reiterou como xa o fixera na Conferencia de Presidentes, que o fenómeno inmigratorio se ten que afrontar como unha oportunidade, extraendo del os seus moitos aspectos positivos e aminorando en todo o posible os efectos negativos, habitualmente asociados á precariedade laboral e á integración.

Neste sentido, o máximo mandatario galego apostou por un modelo que camiñe da coexistencia cara a convivencia, un modelo propio de convivencia que responda a novas formas de entender a relación cidadá nunha sociedade multiétnica, multilingüística e pluriidentitaria. Tendo en conta isto, Pérez Touriño avogou por definir políticas públicas que asuman que a convivencia intercultural, o que significa integración social aínda que tamén respecto ás diferenzas culturais e diálogo.

Plan Galego da Inmigración
Co gallo da creación do Consello Galego de Inmigración, o presidente da Xunta presentou para avaliación e emisión de informe perceptivo do Consello, o borrador do Plan Galego da inmigración 2007-2010, como unha das primeiras iniciativas para promover unha incorporación real e plena dos cidadáns inmigrantes.

Tal e como explicou o xefe do Executivo galego, o borrador do plan recolle máis de 300 accións que parten da información do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e dos datos do estudo realizado pola Secretaría Xeral de Análise e Proxección sobre percepción e actitudes da inmigración en Galicia. Deste estudo tíranse entre outros datos, como explicou o propio presidente, que a sociedade galega é unha sociedade aberta e tolerante, sen prexuízos cara a chegada de inmigrantes. De feito, segundo explicou, o 90,9 por cento dos galegos pensan que toda persoa debería ter a liberdade para vivir e traballar en calquera país, aínda que non sexa o seu. E un 79,3 por cento pensan que a diversidade nun país é positiva.

Ademais disto, Pérez Touriño expresou que o plan é froito de máis de 10 xuntanzas de traballo con representantes do Observatorio Galego de Inmigración e de Loita contra o Racismo e a Xenofobia e salientou que o plan persegue que as accións dos diferentes actores públicos e sociais vaian na mesma dirección, na busca de obxectivos comúns e compartidos.

No hay comentarios: